Arousa e Portonovo cruzan as súas traxectorias na Lomba

futbol250_271109.jpgSALNÉS> Na Terceira Vilalonga e Céltiga xogan na casa ante dous rivais dos que loitan por meterse na fase de ascenso. Mentres na Preferente Sur Arousa e Portonovo disputarán o partido máis interesante da fin de semana.

Vilalonga e Céltiga afrontan dous complicados compromisos nos seus campos ante dous equipos chamados a estar arriba pola calidade do seu plantel.

Os celestes reciben ó Ordes, sexto na xeral pero cos mesmos puntos que o cuarto. Será o partido do morbo pola presencia no conxunto coruñés de Chño, que no verán chegou a estar fichado, verbalmente, polo Vilalonga. Os de Gabi Leis están en plena xeira positiva de resultados e saben que todo o que sumen agora será colchón para despois non pasar apuros. A mellor nova é que o técnico pontevedrés recupera á súa liña defensiva, agás a Leo que continúa lesionado.

O Céltiga recibe no Salvador Otero ó cuarto clasificado e gran candidato ó ascenso como o Ourense. Sen Beni nin Sabarís Pablo Vázquez confía en que os seus xogadores saquen o mellor de sí mesmo como soen facer ante rivais de entidade. Un partido especial para Hugo que lembrará con orgullo os cinco goles que lle meteu ó cadro ourensán o ano pasado na Lomba sendo xogador do Arousa. Pola súa banda, Romerito recupera para a cita a Portela e ó meta Berto.

A xornada podería vir marcada pola desaparición do Cidade de Santiago se é que non se presenta ó partido ante o Coruxo. Iso deixaría unha liga de 19, na que se descontarían os puntos que os equipos sumaron xa ante os santiagueses e reduciría a tres as prazas de descenso.

Na Preferente Sur crúzanse dúas rachas ben diferentes na Lomba. Chega un dos derbis máis agardados do ano co Arousa-Portonovo, os vilagarciáns en plena crise e os branquiazuis lanzados cara arriba. Un partido dos que poden marcar un antes e un despois en cada un dos conxuntos; unha victoria visitante afundiría ó Arousa e dispararía ó Portonovo mentres que se gañan os locais todo volvería a igualarse. Fito, Iago e Solla son baixa para Ricardo, mentres que Rial recupera no Portonovo a Fiti aínda que non poderá contar con Turu e Jesús.

A xornada complétase para os equipos do Salnés con tres partidos ante conxuntos da parte alta da táboa. O Sanxenxo viaxa a Vigo para enfrontarse ó Gran Peña coas baixas de Dieguillo e Cuchi e en busca da súa quinta victoria nos últimos seis partidos.

O Cambados buscará estrear o seu casilleiro de victorias ante un candidato ó ascenso como o Barbadás. Carregal recupera a Cascallar pero perde a Edu por sanción.

Mentres o Ribadumia recibe ó Choco coas baixas de Borja e Ramón e coa esperanza de comezar a converter a súa melloría no xogo en resultados positivos.

Redacción Salnés