Máis de 500 nenos e nenas daranse cita na sexta edición da Mini BTT Concello de Ribadumia

RIBADUMIA> Máis de 500 nenos e nenas daranse cita este domingo na sexta edición da Mini BTT Concello de Ribadumia. A proba vai ter lugar no campo de fútbol de Leiro, onde o Club Ciclista Ribadumia ten a súa sede. Os organizadores prometen unha competición moi atractiva, que permita á rapazada gozar da xornada. Tamén de todo o público que mobilizará esta proba. Estímase que grazas a esta Mini BTT achegarnse en total ata Ribadumia unhas 2.000 persoas.

Trátase dunha cita que vai camiño xa de converterse nun clásico no calendario deportivo de Ribadumia. É a Mini BTT que organiza o club ciclista da localidade, que acada este ano a súa sexta edición. A proba, pensada para a rapazada das categorías benxamín, promesa, principiante, alevín e infantil, vai ter lugar no campo de Leiro este vindeiro domingo.

En total, a proba reunirá a máis de 500 nenos e nenas, atraendo ata o municipio nesta xornada a unhas 2.000 persoas, o que tamén se traduce nun impacto económico na economía local. Ademais, o alcalde destaca o apoio que están a recibir esta e outras entidades deportivas por parte do concello.

Esta proba tamén conta coa colaboración da Federación Galega de Ciclismo, da Xunta e da Deputación de Pontevedra.

A Mini BTT coincidirá ademais coa derradeira xornada do Arousa Fútbol 7, conventendo Ribadumia neste domingo nun auténtico fervedoiro deportivo.