Raúl Bouzas quédase a un paso de revalidar o título nacional

taekwondo250_010610.jpgSALNÉS> A cidade alicantina de Pilar de la Horadada acolleu estes días o Campionato Nacional de Combate Sub-21. Ata alí desprazáronse cinco deportistas en representación do Olimpic de Vilagarcía, entre eles Raúl Bouzas, que acadou a medalla de prata.

Raúl Bouzas quedouse ás portas de revalidar o título nacional sub-21. Non puido repetir en Alacante o éxito que acadara na Fieiteira o ano pasado e tivo que conformarse coa prata. Despois de pasar a primeira rolda exento, nas sucesivas superou ós representantes de Cataluña, Andalucía e Valencia. Xa na final, ante outro representante da Comunidade Valenciana, unha polémica decisión dos árbitros daba a victoria ó taekwondista local e deixaba ó do Olimpic coa mel nos beizos.

Pero Raúl Bouzas non foi o único vilagarcián que tivo unha actuación destacada. Francisco Padín levouse o bronce loogo de caer en peso galo ante outro galego, Manuel Barros, que á postre sería campión. A terceira medalla para o Olimpic chegou da man de Gabriel Moral, en peso pluma, que pese a arrastrar un lesión de xeonllo dende o segundo combate, puido chegar ata o podium.

Jorge Chorén e Alicia Córdoba completaron a representación do Olimpic, aínda que ambos quedáronse lonxe dos primeiros postos nas súas respectivas categorías.

Mentres o Natural Sport de Riveira levouse a prata de Ángel Parada, en superlixeiro, e o bronce de Miguel Martínez, en menos de 50 quilos.

Por equipos Galicia ocupou o primeiro posto no cadro masculino e o terceiro no femenino, polo que na xeral final alzouse coa medalla de prata.

Redacción Salnés