Cambados e Arousa mídense no clásico entre os clásicos

futbol250_041209.jpgSALNÉS> Esta xornada párase a Terceira. Non xogarán por tanto nin Vilalonga nin Céltiga. Pero sí que haberá Preferente, cun derbi en Burgáns no que se medirán Cambados e Arousa. Todo un clásico do futbol no Salnés, repleto de alicientes.

Dous clásicos do Salnés mídense este domingo en Burgáns. Non será como en épocas pasadas, un derbi de 2ªB ou Terceira. As dificultades que pasaron uns e outros nos últimos anos fai que se atopen na Preferente Sur. E que o fagan ademais moi preto o un do outro na táboa.

Os vilagarciáns contaban con estar pelexando cos de arriba pero a mala xeira de resultados que arrastran dende hai semanas lles está a descolgar. Todo o contrario que un Cambados que está a render moi por enriba do agardado, facendo bo futbol e sumando puntos sobre todo como local. Para uns e outros é importante sacar o partido adiante non só a efectos da clasificación senón tamén polo valor moral da victoria. Adrián e Pénjamo serán baixa no Cambados.

Non será o único partido desta xornada, porque no Revel o Sanxenxo busca seguir medrando a costa do Celanova. Os de Calucho suman cinco victorias nos últimos seis partidos, nos que só encaixaron catro goles. Xa máis preto dos de arriba que por dos de abaixo, unha victoria colocaríalles no grupo de cabeza.

Tralo empate da semana pasada na Lomba o Portonovo quere volver canto antes pola senda do triunfo. Se queren pelexar polo ascenso non se poden permitir tropezos na casa e nesta xornada terán unha dura proba ante o Cruceiro, un dos equipos máis correosos da categoría, que se ben é o que menos goles fai, tamén encaixa moi poucos.

Mentres o Ribadumia ten un partido vital en Ourense ante o Nogueira de Ramuín. Crúzanse no camiño dous equipos metidos en descenso. Os de Carducho non acaban de arrancar pese a ter amosado mellor imaxe nos últimos encontros. O seu rival, máximo candidato a perde-la categoría, chega no seu mellor momento tras dúas victorias consecutivas, a última despois de golear a semana pasada ó Covadonga por 1-4. Non será un encontro sinxelo.

Redacción Salnés