O Vilalonga pecha o 2009 recibindo ó Pontevedra B

futbol250_161209.jpgSALNÉS> Esta noite hai futbol na Terceira, coa disputa da 17ª xornada. Os dous equipos do Salnés xogan na casa; o Céltiga ante o Somozas e o Vilalonga fronte o Pontevedra B, no que será o último encontro que disputen os de Gabi Leis neste 2009.

San Pedro despide hoxe o ano futbolístico. Co Nadal de por medio e coa xornada de descanso que lle toca o domingo que ven, na que deberían enfrontarse ó desaparecido Cidade de Santiago, o 2009 non dará para máis.

Serán dezaoito días ata o vindeiro partido, fronte o Santa Comba e máis dun mes sen futbol para os seus afeccionados, xa que ata o 17 de xaneiro non volve a liga a San Pedro, día do derbi ante o Céltiga.

O certo é que por todo iso os de Gabi Leis queren vencer hoxe, tamén para borra-la mala imaxe de Cangas e sobre todo para acadar certa tranquilidade e non verse acuciado polo descenso que agora ten a nove puntos.

Pero o rival que terá enfronte non lle porá as cousas sinxelas, trátase da revelación da temporada; o Pontevedra B de Luís Casais, que é quinto na xeral e desprega un futbol aberto e vistoso que lle fai ser o segundo equipo máis realizador da liga. Sen embargo, as reducidas dimensións do campo poden favorecer ós locais e igualar as forzas. Tachi e Jesu non estáran por sanción e Suso por lesión, mentres que o filial granate perde a Pablo Berros.

Antes do inicio do encontro o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán e a alcaldesa de Sanxenxo Catalina González procederán á inauguración do novo alumeado do campo.

Mentres o Céltiga pretende non errar diante da súa afección e seguir sumando para non descolgarse da cabeza e manter lonxe o descenso. O certo é que ó equipo estalle a faltar regularidade, como se puido ver a semana pasada en Vilalba. Hoxe teñen unha boa oportunidade de gañar xa que o Somozas ven de perder catro dos últimos cinco partidos que disputou o último deles ante un rival directo pola salvación como o Santa Comba. Aínda así o estado de ánimo dos xogadores é incerto. Pode vir un equipo afundido así como con gañas de reivindicarse. Pablo Vázquez non poderá contar nin con Rubén Balán nin con Iago, mentres que conta coas dúbidas de Sabarís e Beni.

Redacción Salnés