Extrugasa, Arousana e Cambados TM percibirán axudas do Xacobeo

xacobeo250_301209.jpgSALNÉS> Os clubes galegos de alta competición promocionarán o Xacobeo 2010 nesta temporada despois do acordo asinado entre a Secretaría Xeral para o Deporte e a Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo. O plan significa o investimento de case 2,5 millóns de euros e beneficiará a preto de 150 entidades de toda a comunidade, entre elas Extrugasa, Cambados Tenis de Mesa e Atlético Arousana.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete e o Director-Xerente de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos presentaron onte en Santiago o Plan Galego de patrocinio dos equipos de alta competición.

Segundo Lete o acordo pode cualificarse como "histórico e que servirá para ampliar as axudas ós clubes nun momento moi delicado para eles". Santos apuntou pola súa parte que "este traballo conxunto busca dar folgo e alento ás aspiracións dos deportistas e equipos galegos, que contribuirán a levar os valores do Xacobeo 2010 e a imaxe de Galicia aló onde estean a competir".

É a primeira vez que o Xacobeo segue criterios obxectivos e iguala a todas as modalidades para patrocinar aos clubs e crease un plan ambicioso que no mes de setembro foi explicado a todos as entidades que nunha primeira fase asinarán os contratos de sponsorización antes de que conclúa este ano e na primeira quincena do mes de xaneiro cobrarán o 60 por cento das cantidades previstas.

Os clubs foron divididos en dous grupos. Un primeiro formado polos que compiten en ligas regulares que xa están en marcha, mentres que un segundo está integrado polo equipos que participan en competicións que non teñen un sistema regular como é o caso do ciclismo ou aqueles que toman parte en ligas que aínda non comezaron como o remo.

No primeiro grupo son destinatarios do plan os clubs que conten con equipos que participen nas competicións, en sistema de liga, de primeiro e segundo nivel, caso polo tanto dos tres equipos da comarca do Salnés: Extrugasa, que actúa na Liga Femenina 2 de baloncesto, Atlético Arousana, de fútbol femenino, e Cambados Tenis de Mesa, que co seu equipo Establecimientos Otero está situado na División de Honra Nacional.

O Extrugasa percibirá algo máis de 34.000 euros, 23.000 o Arousana e 13.000 o tenis de mesa, cantidades importantes que axudarán ás tres entidades a sobrelevar estes tempos de crise con maior lixeireza e incluso marcarse obxectivos máis ambiciosos.

Redacción Salnés