O Céltiga déixase dous puntos co Santa Comba no tramo final

futbol250_110110.jpgSALNÉS> Na Terceira unha de cal e outra de area: a boa nova foi a victoria do Vilalonga a domicilio mentres que na Illa o Céltiga deixou marchar dous puntos nos derradeiros minutos do encontro. Na Preferente Sur destacou a victoria do Cambados no derbi ante o Sanxenxo.

Son cinco xornadas sen gañar as que leva o Céltiga. Tan só un punto sumado dos últimos quince en xogo. Pobre bagaxe para un equipo que debería aspirar canda menos a non pasar apuros este ano. Onte tivo o partido gañado pero levouse o empate que se cadra foi o máis xusto. Combinou máis e mellor o Santa Comba, sobre todo na primeira metade, e ós da Illa faltoulles xogo. Aínda así foron quen de adiantarse por dúas veces no marcador con tantos de Fran Matos e Óscar pero a catro para o remate Julián puxo o definitivo 2-2. Este empate deixa ó Céltiga a cinco puntos do descenso, duodécimo e á espera de visitar a semana que ven ó Vilalonga.

Precisamente o cadro celeste chegará mellor situado a este choque e con máis tranquilidade logo de superar onte ó Negreira por 0-1 sobre un García Calvo nevado. MachU acadou ós 20 minutos da segunda metade o único tanto dun partido no que os de Gabi Leis volveron a levar o ritmo, co seu característico xogo combinativo. As mellores ocasións na primeira metade foron sen embargo para os locais, que asustaron á contra. Sen embargo co paso dos minutos e sobre todo a partir da expulsión na segunda metade de Álex Blanco, o dominio do Vilalonga foi moito maior. Quédanse novenos con 27 puntos máis preto do cuarto clasificado que do descenso.

Na Preferente Sur, o Cambados levouse o derbi de Burgáns sobre un Sanxenxo que víu cortada a súa xeira positiva de resultados. Partido igualado, moi táctico e moi físico debido ó mal estado do céspede. O Sanxenxo dispuxo de mellores ocasións durante o encontro pero sería Nino o que decidiría nunha xogada a balón parado e deixaría os puntos na casa, que alonxa ós de Carregal do descenso.

Importante victoria esta semana do Ribadumia ante un rival directo pola permanencia como o Covadonga por 1-4. Son once puntos os que o separan xa do descenso directo logo de sumar 13 dos últimos 15 en xogo.

Tamén ampla victoria para o Portonovo a domicilio ante o Caselas nun encontro que tivo que gañar dúas veces. Ero e Manu puxeron o 0-2 antes da media hora pero os de Rial deixáronse empatar antes do descanso. Logo dous tantos de Óscar daríanlles a victoria (2-4). Colócanse a catro do ascenso.

Non se pode dicir o mesmo do Arousa que onte caeu ante o novo líder da categoría, o Choco por 2-0. Os erros defensivo na primeira metade e a falta de contundencia na área rival foron as causas da derrota. Os de Ricardo Fernández son décimo na táboa a oito do segundo clasificado.

Redacción Salnés