VILAGARCÍA> O BNG reuniu hoxe en Vilagarcía aos seus alcaldes e cargos municipais nos concellos da ría de Arousa e do Baixo Ulla afectados pola mina de Touro e a celulosa de ALTRI. No acto, a voceira nacional da formación acusou ao presidente da Xunta de Galicia de poñer en risco a actividade na ría apoiando estes dous proxectos, que cualificou de bombas ambientais. Ana Pontón criticou que se poñan os intereses de dous multinacionais por enriba, dixo, da xente do mar e do marisqueo.
Nin a mina de Touro nin a celulosa de Altri son proxectos que gusten ao Bloque Nacionalista Galego. Para a súa voceira nacional, os dous poñen en risco a actividade marisqueira da ría de Arousa, da que viven 4.000 familias.
Hoxe Ana Pontón mantivo un encontro en Vilagarcía cos alcaldes e cargos municipais do BNG nos concellos da ría e do Baixo Ulla afectados polos dous proxectos. A líder nacionalista recordou o problema de produtividade da ría de Arousa, ante a inacción, dixo, da Xunta.
No seu lugar, Pontón demanda a paralización dos dous proxectos. Ademais, puxo sobre a mesa propostas para recuperar as rías galegas. Entre as medidas, defendeu a posta en marcha dun plan de rexeneración integral consensuado co sector, as universidades e os centros de investigación.
A articulación dun plan de cobertura económica e social para os traballadores do mar, a recuperación do seguro público de produción marisqueira que lles asegure unha renda digna cando non haxa actividade ou o desenvolvemento dun proxecto de semente de moluscos, son outras das propostas do BNG para recuperar as rías galegas.











