Rueda comproba o resultado das obras da primeira fase da reforma da casa consistorial sonense

PORTO DO SON> A actuación permitiu a remodelación integral da área na que se sitúa Servizos Sociais. O orzamento das obras foi duns 60 mil euros, dos que Vicepresidencia aportou 40 mil.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, puido comprobar de primeira man o resultado das obras levadas a cabo nos últimos meses nas propias dependencias da casa consistorial que supuxeron a reforma integral da terceira planta deste edificio, concretamente a área de Servizos Sociais. A actuación, cun orzamento duns 60 mil euros, foi realizada con cargo a unha axuda da Orde de Infraestruturas de uso público, da que Vicepresidencia aportou uns 40 mil euros.

O alcalde, Luís Oujo,  agradeceu o investimento realizado que virá a redundar na mellora do servizo que se lle presta á veciñanza. Ademais xa anunciou a intención de recorrer a esta liña de axudas de Vicepresidencia para continuar coas reformas necesarias na casa consistorial.

Nos últimos anos Porto do Son recibiu axudas de Vicepresidencia por un importe de preto dos dous millóns de euros que permitiron entre outras cuestións mellorar a rede de saneamento e abastecemento de auga, ou a mellora de instalacións deportivas e parques infantís.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí