Os empregados de Alfageme anuncian un peche indefinido nas factorías

    alfageme_100_120110.jpgSALNÉS> Ademais destas medidas de presión continúa a rolda de contactos cos alcaldes dos municipios nos que a conserveira ten fábricas. Hoxe tocou Vigo.

    Como ameazaron sindicatos e traballadores de Alfageme, as mobilizacións continúan. Hoxe o principal foco das reivindicacións estivo en Vigo. Alí, os empregados da conserveira pecháronse no interior do edificio do concello desde as doce da mañá. Pedían entrevistarse co alcalde da cidade, Abel Caballero, para que faga forza ante a administración e conseguir que finalmente se dea luz verde ó plan de viabilidade. O peche levantouse ás seis da tarde, cando lles comunicaron o compromiso de que mañá ás 11 da mañá os recibirá o tenente alcalde, Santiago Domínguez, e o xoves, ás dez e media, poderán entrevistarse co rexedor vigués. Mentres, os empregados das plantas de Ribadumia e Vigo xa adiantaron que a partir de mañá iniciarán un peche indefinido dentro destas factorías a partir das sete da mañá.

    Redacción Salnés