Os comercios da Pobra sairán de novo a rúa

POBRA> Por sétimo ano a Pobra acollerá a feira ‘Comercio na Rúa’. A iniciativa, presentada esta mañá no Concello, terá lugar esta vindeira fin de semana, dende o venres ó domingo. Un total de dezasete establecementos pertencentes a distintos microsectores, fundamentalmente téxtil, daranse cita esta fin de semana na Pobra na feira ‘Comercios á Rúa’. A iniciativa, que promove o centro comercial aberto O Deán en colaboración co Concello, desenvolverase na praza do Emigrante. Arrancará este próximo venres e prolongarase ata o domingo con horario ininterrompido de once da mañá a doce da noite. Ademais da propia venda, desenvolveranse tamén diversas actividades paralelas, dirixidas tanto a profesionais como a clientes. Dende o Concello destacaron a importancia desta iniciativa, á que se veñen sumando dende o seu inicio hai agora sete anos. Con ela pretenden contribuír a darlle pulo a un sector como é o do comercio que non está a pasar polos seus mellores momentos.