VILAGARCÍA> A vindeira fin de semana o Liceo Casino de Vilagarcía organiza co patrocinio do Consello Regulador do Mexillón de Galicia a Primeira Regata Clasificatoria do ano para o Equipo Autonómico da clase Optimist. Esta proba é puntuable para o ranking autonómico que decidirá quen representará a Galicia na Copa de España e no Campionato Nacional.
Un centenar de embarcacións chegadas de clubes de toda Galicia competirán o sábado e o domingo nas inmediacións do Porto de Vilagarcía na I Regata Clasificatoria do ano para o Equipo Autonómico da clase Optimist. Ademais da representación local tomarán parte barcos chegados dende Baiona, Ribeira, Portosín, Sanxenxo, A Coruña ou incluso do norte de Portugal, que agarda o permiso da Clase, Organización e Federación.
O ranking galego chega a esta cita con só tres probas realizadas nas últimas dúas regatas, polo que esta se presenta como importante para a formación do equipo autonómico, xa que está previsto realizar seis probas. A partir de aquí sólo restarán dúas regatas, en febreiro en Ribeira e en marzo na Coruña, para pechar o sistema clasificatorio antes da Copa de España.
O sábado 16 a partir das 09:00 procederase á confirmación da inscripción ata as 12:30, hora á que se producirá a reunión de patróns e adestradores nas instalacións portuarias do Liceo Casino. O comezo previsto para a primeira proba é ás 14:00.
O domingo comezarán as probas ás 10:30, tendo como hora límite as 16:00 da tarde. A entrega de premios será ás 17:30h.
Na regata participan nenos e nenas de entre 8 e 15 anos, que están encadrados en tres categorías: A (de 13 a 15 anos) a B (de 11 e 12) e a C (menores de 11 anos), aínda que a saída será conxunta para todos eles.
Cabe a posibilidade, tal e como se recolle no reglamento da clase, de que si a inscripción supera o centenar de embarcacións, se divida a flota en dous grupos.
O Liceo Casino fará a presentación oficial da regata este venres ás 13:00 da tarde.
Redacción Salnés