RIANXO> A voceira nacional do BNG desprazouse esta mañá ata Rianxo que celebra hoxe un dos días máis emblemáticos das festas da Guadalupe co seu feirón mariñeiro. Alí, Ana Pontón instou ó presidente da Xunta a aceptar a condonación da débeda por parte do goberno central na reunión que manterá mañá con Pedro Sánchez.
A portavoz nacional do BNG aproveitou a súa presenza en Rianxo para apelar á responsabilidade do presidente da Xunta ante a inminente reunión en Moncloa. Insta a Alfonso Rueda a non rexeitar a quita de débeda do 20 por cento negociada polo BNG no acordo de investidura de Pedro Sánchez.
Os nacionalistas acusan ó goberno autonómico de boicotear este acordo co único fin de defender os intereses do partido en lugar de poñer por encima os intereses de tódolos galegos xa que este acordo implicaría dispoñer de moitos máis recursos para financiar a educación, a sanidade ou a dependencia.
Pola súa banda, o presidente da Xunta xa manifestou a súa intención de rexeitar unha rebaixa acordada de xeito bilateral. Asume así a postura do PP a nivel nacional de que a negociación do sistema de financiación debe levarse a cabo entre tódolos responsables autonómicos.