O CX Fontecarmoa acada uns bos resultados na terceira xornada

xadrez250_270110.jpgSALNÉS> Despois dos malos resultados da semana pasada, o Club Xadrez Fontecarmoa volveu pola boa senda. Dos cinco equipos de categoría superior, ningún perdeu: acadaron tres victorias e dous empates. Todos eles sitúanse na parte alta xeral.

Excelente xornada para os equipos do Club Xadrez Fontecarmoa que souberon recuperarse tralos traspés sufridos a semana pasada.

En 1ªB o Casa Xuventude acadou un empate fronte o Mercantil de Ribeira. Tratábase dun rival complicado polo que o resultado final foi ben acollido no conxunto vilagarcián. David Dezagoire e Ramón Melio acadaron sendas victorias nos taboleiros 3 e 4 mentres que Jorge Sobrido e Jorge María iniciaron dominando as súas partidas pero acabaron cedendo ante a maior consistencia dos seus rivais. Son segundos na xeral, mantéñense invictos o que lles fai soñar con algo máis que a permanencia.

En 1ª C o Mcdonalds impúxose por 1-3 ó Laroca Nigrán. As catro partidas chegaron ós últimos instantes de reloxo e as decisións ocurriron nun breve espacio de tempo. Tan só sucumbiu Andrés Varela, mentres que Julio Torrado gañou con solvencia e Lucas Abal e Luís Segura aproveitaron os erros garrafais dos seus rivais para vencer. Son cuartos na táboa.

En 2ªC o Caixanova empatou (2-2) ante o Irindo. Juan Andrés Bayón e Javier Otero sumaron os dous puntos dos vilagarciáns nunha partida que foi máis complicada do que preveían. Aínda non gañaron nesta liga polo que son novenos na xeral.

O Baños Print lidera con autoridade a 2ªD logo de gañar por 3.5-0.5 ó Ateneo de Ourense. Manuel García asinou táboas e os demais venceron con autoridade a un rival que xa é pechacanchelas do grupo.

Tamén é primeiro en 2ªE La Marina que gañou por 2.5-1.5 ó Caballo de Troya. Un resultado que puido ter sido máis amplo porque mediadas as partidas a vantaxe era clara para os vilagarciáns en tódolos taboleiros. Pese a que deixaron escapar a victoria parcial en dous deles o triunfo final non perigou.

Redacción Salnés