Mal arranque ligueiro para Grupo Junquera e Viajes Interrías

futbolsala250_220909.jpgSALNÉS> Mala primeira xornada ligueira a que completaron os conxuntos do Salnés. Na 1ªA caeu o Viajes Interrías en Baltar por 2-6 ante o Parrulo, mentres que unha división por debaixo, o Grupo Junquera recibíu un set en branco a domicilio contra o Esteo.

Non comezaron ben as cousas no futbol sala. Na 1ª Nacional A o Viajes Interrías perdeu no seu debut por 2-6 en Baltar. Ben é certo que enfronte tiña un equipo que aspira a dar este ano o salto á División de Prata, o Parrulo. Era un resultado previsible e do que se poden sacar lecturas positivas pola actuación dos portonoveses. Estiveron ben no arranque, plantándolle cara ó rival, pero en apenas un minuto, do 5 ó 6 de xogo, encaixaron tres tantos que deixou o choque case visto para a sentencia.

Reaccionaron sen embargo os de Salgueiro que acurtaron diferencias con tantos de dous debutantes: Alan e Javi Alvéndiz. Pero a sorte non estivo do seu lado. Xusto antes de chegar ó descanso un gol de Manolo en propia meta collocaba o 2-4 no electrónico que poñía o duelo moi costa arriba. Intentárono na segunda metade pero o Parrulo tirou de experiencia para pecharse no seu campo e redondear o marcador final en dúas contras.

O Viajes Interrías non prinicipia con bo pé a temporada pero terá a oportunidade de sumar os seus tres primeiros puntos ante o Coruxo a semana que ven.

E seis tamén levou o Grupo Junquera na súa visita a unha das canchas máis complicadas da 1ªB, a do Esteo. A falta de concentración dos de Rodrigo Feijóo nas accións defensivas e a inoperancia de cara o gol, conderáronlles. Na primeira metade o marcador xa era de 4-0; logo se viría ampliado ata o 6-0.

Agora terán unha semana por diante para seguir traballando e adaptándose á filosofía do novo adestrador, recén chegado. O vindeiro sábado, o Bueu visitará Fontecarmoa.

Redacción Salnés