Vilagarcía pide autorización á Xunta para crear un parque en Pinar do Rei

    pinardorei100.jpgVILAGARCÍA> O Concello solicitará autorización á Consellería de Medio Ambiente para crear un gran parque público en Pinar do Rei.

    O proxecto, que será executado polo Ministerio de Fomento, consiste en actuar nunha área do monte de 5,8 hectáreas de superficie. A idea é crear un bosque, para o cal se plantarán especies autóctonas, especialmente carballo e castiñeiro.

    Para o deseño do proxecto o Ministerio tivo en conta as ideas aportadas dende a Concellería de Xestión do Territorio, e realizáronse estudos previos sobre as condicións xeolóxicas, meteorolóxicas e mesmo arqueolóxicas da área na que se ten previsto actuar. O proxecto xa superou a fase de exposición ao público sen que se teñan presentado alegacións, polo que agora só fai falta o visto bo da Consellería de Medio Ambiente para poder iniciar os traballos.

    A posibilidade de actuar nesta zona da ladeira de Xiabre débese ás negociacións realizadas dende o Concello con Fomento polas obras do tren de alta velocidade. Parte da terra que haxa que mover para a obra ferroviaria aproveitarase para crear unha lomba e dar ós terreos de Pinar do Rei a pendente precisa para favorecer a drenaxe da auga. A cambio, o Ministerio asume a execución do parque público.

    Redacción Salnés