VILAGARCÍA> Xa está en marcha unha nova edición dos Premios ao Emprendemento de Vilagarcía. O certame busca incentiva-la creación de novas empresas que se asenten na cidade e que xeren riqueza nela. Nesta nova edición, por certo, increméntanse as contías dos premios.
Apoia-lo emprendemento, fomenta-la iniciativa empresarial, xerar riqueza en Vilagarcía e estimula-la xeración de emprego. Esta é a esencia dos Premios ao Emprendemento que impulsa o Concello. Dende Ravella falan dun claro apoio institucional aos proxectos emprendedores.
O certame está aberto a calquera persoa que teña unha idea de negocio ou empresa con menos de dous anos de actividade.
Un xurado encargarase de seleciona-los proxectos que cumpran cos obxectivos do concurso.
Nesta nova edición, os premios incrementan a súa contía. O primeiro ascende ata os 8.000 euros, o segundo ata os 5.000 e o terceiro ata os 3.000. O prazo para a presentación de proxectos xa está aberto. Prolongarase ata finais deste mes.