CATOIRA> O gran vendedor da comarca de Caldas foi Xoán Castaño co BNG en Catoira. A formación ascende dos 3 aos 6 concelleiros e acada a maioría absoluta. O nacionalista non quere centrarse en disputas do pasado coas outras formacións e mira ao futuro: loitar porque non se instale a empresa pirotécnica, crear un centro de día e atender ás parroquias son os seus primeiros obxectivos.
Catoira acudía as urnas este domingo coa incerteza do que podería acontecer tras catro anos de inestabilidade política. O resultado final deparou un claro gañador: Xoán Castaño e o BNG. A formación nacionalista conseguiu a maioría absoluta na vila ascendendo dos 3 aos 6 concelleiros.
A participación na vila ascendeu nun 3% cun total de 2800 votantes. O Bng conseguiu case a metade.
A vila estivo marcada nos últimos catro anos polo enfrontamento entre as tres formacións da corporación. De feito Xoán Castaño foi alcalde no 2019 co apoio do PP, pero un ano despois, os populares se aliaron co PSOE. O apoio en masa da veciñanza é unha sentenza por todo o sucedido no último mandato.
O nacionalista pide confianza e paciencia á veciñanza para poder desenvolver o seu proxecto político. Asegura que vai a gobernar escoitando a veciñanza e ponse como principal obxectivo loitar para paralizar a instalación dunha empresa de pirotecnia en Dimo.
Outros dos principais obxectivos de Xoán Castaño é conseguir un centro de día para a vila e mellorar os servizos nas parroquias.
Xoán Castaño asume o reto con ilusión e comprometido para responder con traballo á confianza da veciñanza.