Cambados recupera o concurso de filloas con 600 euros en premios

    concurso_filloas_100_030210_copia2.jpgCAMBADOS> Poderán participar ata un máximo de dez equipos. A cita é o 15 de febreiro ás 17.00 no recinto José Peña.

    Prepárense os cociñeiros de Cambados máis avezados porque este ano volve o concurso de filloas. Haberá premios para todos, polo feito só de participar. Os requisitos para concorrer son os seguintes: deberán formarse grupos dun mínimo de tres persoas e inscribirse a partir de hoxe mesmo no centro sociocultural de A Merced. É aconsellable anotarse canto antes, xa que como máximo poderán participar 10 equipos. Logo, a adestrarse para a gran cita: o luns 15 de febreiro ás cinco da tarde no centro de exposicións José Peña. Alí, ante un xurado popular e o público asistente, deberán competir polos premios ó maior número de filloas elaboradas nunha hora e ás filloas máis saborosas, cada un deles valorado en 100 euros. Pero os oito grupos restantes non irán cos petos baleiros, xa que só por participar, xa lles corresponde 50 euros.

    Antes de encher o bandullo, na véspera, o domingo de Entroido, volverá a celebrarse o desfile de carrozas engaladas. Sairá ás cinco da tarde da escalinata de San Tomé para percorrer as principais rúas da vila ata a praza do concello. Os mesmos puntos de partida e chegada que terá a caravana do día grande do Entroido, o martes 16. Neste día, as carrozas que participen no desfile poderán gañar algún dos premios en metálico que sortea o concello. O nome dos agraciados desvelarase na gala que se celebrará ó remate do percorrido, con música de charanga e moito humor. Tamén os cativos terán a súa propia festa con animación e pallasos. Serán a partir das catro e media da tarde na discoteca Zao, organizada pola asociación de comerciantes Cambados Zona Centro.

    Redacción Salnés