Os sindicatos saen á rúa contra a reforma das pensións

    manifas100.jpgVILAGARCÍA> A intención do Goberno central de atrasar a idade de xubilación ós 67 anos levou ós sindicatos a saír á rúa.

    {flowplayer}images/salnes/manifas_sindicatos.flv{/flowplayer}

    VILAGARCÍA> Un milleiro de persoas, segundo datos da Policía Local, participaron onte á noite en Vilagarcía na manifestación convocada por Comisións Obreiras e UXT en contra da posibilidade de que o Goberno central reforme as pensións.

    O acto comezou ás oito da tarde na avenida da Mariña e a comitiva percorreu varias rúas do centro ata rematar na praza de Galicia. A protesta ía encabezada por unha pancarta na que se reclamaba unha mellora sanitaria e pensións dignas. A manifestación foi convocada polos dous sindicatos de modo simultáneo noutras catro cidades galegas, Vigo, A Coruña, Lugo e Ourense.

    Comisións Obreiras e UXT opóñense ó atraso da idade de xubilación dos 65 ós 67 anos e tamén a que a partir de agora haxa que cotizar á Seguridade Social durante 25 anos para ter dereito a pensión, en vez dos 15 que se precisan agora. Estes sindicatos temen que a reforma traia pensións de moi pouco diñeiro e aseguran que é mentira que a Seguridade Social estea debilitada. Segundo o responsable comarcal de Comisións Fernando Ramos, na caixa única hai 60 mil millóns de euros. Na protesta non faltaron consignas a favor da folga xeral.

    CIG PROTESTA EN SOLITARIO 

    Ás rúas de Vilagarcía tamén saíron hoxe os sindicalistas da CIG. Logo de celebrar unha asemblea de delegados de persoal e comités de empresa no Auditorio. A protesta partiu da avenida da Mariña, percorreu varias rúas da cidade e acabou diante das instalacións do Instituto Nacional da Seguridade Social na rúa San Roque. O sindicato cualifica de antisociais as novas medidas laborais que pretende por en marcha o Goberno central.

    A CIG considera negativo o acordo estatal de incrementos salariais asinado por Comisións Obreiras, UXT e a CEOE, a reforma das pensións, a reforma laboral, a negociación colectiva e as alternativas que ofrece o goberno fronte á crise. Para este sindicato, estas reformas implican a perda de dereitos para os traballadores. O vindeiro mércores, día 10, celebrarán outra mobilización en Pontevedra, coincidindo coa conmemoración do Día da clase obreira galega.

    Redacción Salnés