A Q de Calidade para a Ruta do Viño Rías Baixas chegará antes do Xacobeo 2021

O SALNÉS> A Ruta do Viño Rías Baixas traballa para facerse coa Q de Calidade antes da chegada do Xacobeo 2021. Trátase dunha proposta pioneira en España que para a ruta suporía un antes e un despois na captación de público nacional e internacional. O obexectio da Xunta e do Instituto para a Calidade Turística é deseñar, antes de que remate este ano, unha ferramenta de calidade específica que avalíe o sistema de xestión da ruta e os seus servizos. Canda a de Rías Baixas, súmanse á proposta a Ruta do Viño da Ribeira Sacra e dous itinerarios xacobeos.

A Ruta do Viño Rías Baixas avanza no proceso para facerse coa Q de Calidade. Trátase dun proxecto piloto, pioneiro en España. Nunca antes unha ruta se fixera con esta certificación e agora traballan por conseguila non só a de Rías Baixas, senón que tamén a da Ribeira Sacra e dous itinerarios xacobeos. Neste proceso unen os seus esforzos a Xunta, o Instituto para a Calidade Turística e os propios responsables da Ruta do Viño Rías Baixas.

Nestes momentos estase a poñer sobre a mesa o deseño dunha nova ferramenta de calidade que avalíe a ruta no seu conxunto, dende a súa xestión ata os servizos que ofrece.

A previsión coa que se traballa é remata-lo proceso antes de que remate este ano. A clave: comeza-lo Ano Xacobeo dispoñendo xa dese distintivo para captar novos públicos nacionais e internacionais.

A Ruta do Viño Rías Baixas, de feito, xa se está a preparar para o Ano Santo, nun proceso de mellora constante tanto da oferta enoturística como da súa calidade.