O Extrugasa cae ante o Coimbra pero pasa á seguinte rolda

baloncesto250_281108.jpgVILAGARCÍA > O Extrugasa acadou o seu pase ós dezaseisavos de final da Eurocup pese a caer onte na prórroga co Olivais de Coimbra (65-66). O conxunto vilagarcián accede á seguinte rolda como un dos mellores terceiros e enfrontarase ó Ibiza, polo que de novo teremos duelo pai contra fillo nos banquiños.

Probablemente o de onte foi o peor partido do Extrugasa no que vai de temporada. Ante un rival inferior en moitos aspectos do xogo, sobre todo física e técnicamente, non foron quen de impoñer a súa maior calidade. Moitas perdas de balón, moitas canastras sinxelas erradas e moitas segundas oportunidades dadas ó rival.

Non se lles pode reprochar a actitude, porque pelexaron pola victoria ata o último momento, pero o desacerto foi preocupante.

A primeira metade non foi boa pero fóronse seis arriba ó descanso, 32-26. O paso polos vestiarios non mellorou a situación senón que incluso a empeoruou. Jill Anderson, a mellor xogadora do Coimbra e máxima anotadora da competición, colleu o mando e remontou o partido para poñer por diante ó seu equipos nos segundos finais.

Con 52-54 no electrónico e 1,3 segundos por xogarse, Sara Gómez forzou unha falta e anotou dous tiros libres que levou o partido á prórroga.

Nela viuse a debelidade dos dous equipos; primeiro do Extrugasa que encaixou un parcial de 0 -10 nos tres primeiros minutos, e logo a das lusas, que perderon tres balóns consecutivos de saque de banda para deixarse remontar en apenas un minuto, grazas ó acerto tamén neses momentos das xogadoras do Extrugasa.

Ó final a balanza caería do lado portugués; Brandao anotou un tiro libre a falta de once segundos e Zlatanova errou sobre a bociña a que puido ser a canastra da victoria. Xogadoras e técnico non podían esconder a súa cara de decepción trala derrota.

Así as cousas o Extrugasa pasa de rolda e métese como un dos mellores terceiros nos dezaseisavos de final. O azar quixo que pai e fillo, Jordi e Isaac Fernández, se atopen de novo nos banquiños. O Ibiza visitará Fontecarmoa no partido de ida o día 11 de decembro, xoves; unha semana despois as vilagarciáns desprazaranse ás Baleares. Un rival, a día de hoxe, difícilmente accesible.

Sen tempo prácticamente para o descanso o Extrugasa viaxa hoxe cara Cataluña onde mañá se enfronta na décima xornada ligueira ó Cadi Seu D’Urgell. Partido moi importante para as vilagarciáns que agora ocupan a penúltima praza en liga e precisan ademais cortar unha xeira negativa de resultados que as levou a perder os últimos seis partidos de xeito consecutivo. O rival, un equipo deseñado para estar entre os primeiros, conta tan só cunha victoria máis que o Extrugasa, de ahí se cadra a maior importancia deste encontro.

Na Liga EBA, o Inelga tamén tratará de romper coas tres derrotas consecutivas que arrastra desta volta ante o segundo clasificado, o Santurtzi. Mañá ás 19:30 horas en Fontecarmoa.

Redacción Salnés