O Vilalonga busca a costa do Narón recuperar a sexta praza

terceira250_120310.jpgSALNÉS> O Vilalonga volve a xogar na casa e desta volta recibe a un dos candidatos a a meterse na fase de ascenso, o Narón, que chega á cita terceiro. O Céltiga non xogará esta fin de semana.

Loitar polo sexto posto a final de liga é a motivación que move a un Vilalonga que moi mal o tería que facer para tan se quera pasar apuros coa permanencia. Quédanlle por diante nove partidos; gañando dous sumarían 44 puntos, suficientes para salvarse. Iso si, se caen Compos e Racing de Ferrol dende a 2ªB a cousa podería complicarse. De tódolos xeitos, vendo o nivel que está a dar o equipo nas últimas semanas non hai dúbidas de que o final de liga será tranquilo. Amosan unha moi boa actitude defensiva e xeran moitas opcións de remate. Ademais agora mesmo son nove puntos os que mantén de distancia co descenso.

Por iso e por que por arriba, os cinco primeiros clasificados están moi desmarcados na clasificación, o obxectivo é quedar sexto, praza que ocupaban ata a semana pasada cando a perderon en favor do Alondras. O certo é que non o terán sinxelo para sumar os tres puntos esta semana porque se enfronta a un equipo que leva cinco meses sen perder fóra da casa, o terceiro na xeral, o Narón, que con Ourense e Coruxo por detrás apretando, non ten nin moito menos asegurada a súa presencia no playoff. Por iso se xogan máis os ferrolterráns, que agardan que unha posible relaxación celeste lles facilite as cousas.

Con todo, os xogadores do Vilalonga son optimistas sabedores de que na ida foron quen de gañarlles en Ríoseco por 1-2. Ademais, das cinco veces que se enfrontaron ambos conxuntos en San Pedro, dúas victorias locais, dúas visitantes e un empate. Balance polo tanto igualado.

Gabi Leis non poderá contar na cita con dous xogadores importantes. Na portería volverá a faltar Roberto Pazos, lesionado nun xeonllo. Tampouco estará no centro do campo Jacinto, que se perde o encontro por sanción.

Esta xornada ó Céltiga tócalle descansar. No calendario os da Illa deberían xogar ante o Cidade de Santiago, equipo expulsado da competición, polo que se quedarán sen sumar esta semana o que lles podería levar a postos de descenso directo se o Santa Comba puntúa ante o Negreira.

Redacción Salnés