Areosa, Lalín, Val Miñor e Montañeros estarán na AF7

af7250_060410.jpgVILAGARCÍA> Estes catro equipos resultaron os gañadores da fase previa disputada na Lomba durante a Semana Santa. A organización traballa na contratación doutros dous clubes estranxeiros para completar o cartel de 20 conxuntos.

A Lomba volveu a vivir un ambiente de festa en torno ó futbol. Os graderíos enchéronse durante catro días para seguir de preto o desenvolvemento da sempre interesante fase previa. Nela dábanse cita a maioría dos equipos galegos con certo renome dentro do futbol base, así coma representantes do balompé asturiano, castelán-leonés ou portugués.

Os oitenta equipos que concurriron foron divididos en dúas tandas. A primeira, xogouse o xoves e o venres, con dúas prazas en xogo que foron a parar a mans de Lalín e Areosa, que se impuxeron nas semifinais ó Conxo santiagués e ó Foz, respectivamente.

Dous días máis tarde sumáronse a eles Val Miñor e Montañeros, procedentes da outra parte do cadro que se xogou o sábado e o domingo. Ambos tiveron que solventar situacións complicadas; o Val Miñor impúxose en oitavos a un dos grandes favoritos, un clásico no torneo como o Pabellón por 1-2, para deixar posteriormente fóra de combate a rivais da entidade de Ponte Ourense e Quirinal. Non o tivo máis sinxelo o Montañeros que sufríu nos oitavos co Alondras, ó que superou dende o punto de penalti, aínda que despois venceu con maior solvencia a Viveiro e Santa Mariña.

Así as cousas, tan só quedan por coñecer o nome de dous equipos que completarán o cartel desta edición, que se disputa do 14 ó 16 do vindeiro mes de maio. Ata o momento hai trece conxuntos de presitixio internacional convidados, catro que accederon dende a previa e unha selección comarcal de Arousa, que será formada nos vindeiros días a partir de xogadores que actuaron na previa nos diferentes equipos do Salnés, Barbanza e Ulla-Umia. Agárdase que nos vindeiros días se dean a coñecer cales son eses dous clubes estranxeiros que acuden á cita da Lomba e pecharán o cadro de 20 equipos.

Redacción Salnés