Evangelina Lago agradece a todos os que se botaron ao mar para localizar o corpo do seu fillo

VILANOVA> Mañá cúmprese unha semana da última traxedia que sacudiu o mar de Arousa. Na tarde do pasado venres, localizábase o corpo do mariñeiro vilanovés Ramiro Piñeiro Lago despois de varias horas dunha busca na que ademais dos medios de salvamento participaron numerosas embarcacións da zona. Hoxe a súa nai, a expatroa de Vilanova Evangelina Lago, daba as gracias a todos os que se botaron o mar para localizar o seu fillo.

A expatroa maior da confraría de Vilanova, Evangelina Lago, aínda non se fai á idea do golpe que o mar lle deu o venres da semana pasada. Cara última hora da tarde localizaban preto da ponte da Illa o corpo dun dos seus fillos. Ramiro Piñeiro, de 43 anos, saíra na medianoite do porto vilanovés a faenar camarón e non se soubo máis del. Xa pola mañá, a súa parella daba a voz de alarma dando comezo a un amplo dispositivo de busca.

A morte de Ramiro é o último drama dunha familia que leva xa dous anos negros. Neste tempo, Evangelina viu como un accidente deixaba en cadeira de rodas un dos seus fillos. Outro está actualmente no cárcere, cumprindo unha condena de dous anos, e hai tan só oito meses que a expatroa perdía o seu marido.

Evangelina lamenta a situación que viviu no funeral de Ramiro. Non entende que os axentes da Garda Civil que levaron ao seu fillo dende prisión non lle deixaran quitar as esposas cando leva cumprida a metade dos dous anos e medio de condena.

A pesares deste episodio, a expatroa vilanovesa agradeceu todo o apoio que recibiu dos que asistiron á cerimonia neste duro momento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí