As traballadoras de Alfageme protestan na Consellería de Industria

    alfageme_protesta_copia.jpgO SALNÉS> Reclamaron que se axilice a venta da conserveira a grupos solventes e se manteñan os postos de traballo. Durante esta semana manterán reunión coa alcaldesa de Vilagarcía, o presidente da Deputación e o director do IGAPE.

    Máis de 400 traballadoras das plantas de Ribadumia, Vilaxoán, O Grove e Vigo, concentráronse durante máis de dúas horas fronte ás portas da Consellería de Javier Guerra, que esta mañá compareceu no pleno do Parlamento. Coas pancartas ladrillo para a construcción para a conserveira solución e non ó peche de Alfageme queremos traballar e cobrar, o persoal da conserveira solicitou unha reunión co Conselleiro de Industria para buscar unha saída beneficiosa ó concurso de acredores. Os representantes sindicais foron recibidos pola secretaria de gabinete de Javier Guerra, que lles informou dunha reunión o venres na delegación da consellería en Vigo, á que asistirá o director do IGAPE.

    Dende a Xunta, afirman que se manteñen as accións de mediación para procurar que un novo grupo se faga cargo do proxecto industrial de Alfageme. Sinalan que as conversas cos grupos aspirantes á compra, mantéñense con total normalidade, dentro da preocupación de que a familia Lago non facilite un acordo que permita un cambio de titularidade.

    Todos os implicados no concurso de acredores están á espera de que o xulgado do mercantil determine que se acepta o concurso voluntario e se chame ás partes para que se presenten no proceso. Os sindicatos afirman que vai emprazar á Xunta para que traballe duramente para que o xuíz non liquide a empresa. Do mesmo xeito, solicitan que poñan tódalas ferramentas posibles, xunto coas entidades financeiras, para que se faga máis atractiva a venda e facilitar créditos ó grupo que se faga con Alfageme.

     En canto ás débedas da conserveira, o IGAPE afirma que se está a analizar o destino dos préstamos bancarios avalados á empresa e, no caso de detectarse un uso incorrecto do financiamento, sinalan que levarán a cabo as accións e denuncias que correspondan.

    Redacción Salnés