Desprazamentos complicados para Vilalonga e Céltiga

futbol250_140410.jpgSALNÉS> A xornada número 34 adiántase a esta noite e tanto Vilalonga como Céltiga xogarán fóra da casa. Os celestes visitan ó Ordes mentres que os da Illa deberán enfrontarse ó Ourense no campo do Couto.

Son seis xornadas sen vencer as que leva o Vilalonga, ou o que é o mesmo, 2 puntos sumados dos últimos 18 en xogo. Os celestes arrastran arestora a súa peor xeira da temporada, neste tramo final decisivo. Cando hai mes e medio semellaba que a salvación non corría perigo, agora respírase certo nerviosismo en San Pedro, onde saben que de aquí ó remate deben canda menos gañar un partido para estar completamente tranquilos, e tan só quedan catro por disputarse.

Os malos resultados teñen a súa xustificación na gran cantidade de baixas que están a sufrir, todas elas importantes, casos de Roberto Pazos, Machu, Saúl ou Sarró, pezas clave no equipo. Hoxe tampouco estará Diego Villaverde por unha rotura de fibras no seu aductor esquerdo. O certo é que deben tratar de sacar algo positivo de Vista Alegre, ante un Ordes que foise descolgando pouco a pouco da cabeza, que perdeu ó seu referente Padín hai unhas semanas e que non vence na casa dende xaneiro cando o fixo ante o Coruxo pola mínima.

A situación é moito máis dramática para o Céltiga que pese a que gañou o domingo ó Verín agora mesmo descendería a Preferente condenado polos arrastres. Pero na Illa queren ser optimistas logo da última victoria e acuden a Ourense coa intención de traerse os tres puntos. Antonio Gómez non poderá contar con Luis Alberto, Sabarís e Cardeñosa para o choque do Couto, un campo onde nunca gañou o Céltiga.

O Ourense pola súa parte tamén precisa da victoria para confirmar a súa cuarta praza na xeral que lle dea acceso ó playoff de ascenso. O cadro vermellón suma sete partidos sen coñecer a derrota e presume de ser o conxunto máis goleador da competición.

Redacción Salnés