Vilanova adxudica por 198.600 euros a mellora da praia do Bornal

    campo_das_sinas100.jpgVILANOVA> O Concello de Vilanova adxudicou á empresa Embema Sociedad de Obras SL, os traballos de mellora na zona da praia de O Bornal, nas Sinas.

    O importe é de 198.600 euros, procedentes do Plan E de 2010. A idea é que as obras comecen no mes de maio para estaren rematadas no verán. Concretamente as obras realizaranse no antigo campo de fútbol de As Sinas, para poñer en valor toda a fachada litoral da vila. Ocupa un espazo total de case quince mil metros cadrados. Deles, mais de oito mil corresponderán a zona de xogos e praia, case catro mil, destinaranse á construción dunha ampla zona de aparcamento con oitenta prazas e algo mais de dous mil seiscentos metros cadrados, corresponderanse cun espazo de rexeneración do areal.

    Está previsto que nesta zona, pensando tanto nos maiores como na xuventude, se instale un parque con xogos infantís e outro con máquinas de exercicio bio- saudables. Amais contará tamén cun área deportiva onde se instalará unha zona de bóley praia. A nova infraestrutura completarase ca instalación de duchas e sanitarios, con vistas a solicitar a concesión de bandeira azul para a praia de O Bornal. Sería a primeira bandeira azul para o municipio vilanovés e solicitaríase cara ao 2011. Polo mesmo motivo haberá tamén un punto de vixilancia e salvamento e outro de socorro.

    A maiores, aínda que non o require a solicitude de bandeira azul, haberá wi fi e suprimirán as barreiras arquitectónicas. Completarase todo o proxecto de remodelación, ca primeira fase do paseo marítimo.

    Redacción Salnés