Un ‘libro con rodas’ percorre os colexios de Vilagarcía para fomentar a lectura entre a rapazada

VILAGARCÍA> Un Libro con rodas percorreu hoxe varios colexios de Vilagarcía fomentando o hábito da lectura. A actividade forma parte da iniciativa ‘Vilagarcía, cidade do libro’. Dentro deste particular vehículo os nenos descobren a orixe de publicacións icónicas como o Códice Calixtino. Hoxe fixo parada en tres centros educativos do municipio e nós escollemos o de Vilaxoán.

De colexio en colexio fomentando o hábito da lectura entre a rapazada. Esta furgoneta tivo hoxe unha completa xornada percorrendo varios centros educativos de Vilagarcía. A iniciativa forma parte do programa ‘Cidade de libro’ que organiza o concello.

Porque a tradición xacobea e os libros van da man nesta ‘Cidade de libro’. Nos colexios, ese vínculo tradúcese en contacontos nos que os peregrinos, o camiño e tódalas súas lendas únense nunha actividade segura, pensada para os máis pequenos.

De xeito paralelo e por grupos reducidos, os nenos e nenas van pasando pola furgoneta, onde descobren a orixe das publicacións e da tradición libreira de antano.

Ademais de no colexio de Vilaxoán, o Libro con Rodas estivo esta mañá nos centros de Rubiáns e A Lomba. Nos vindeiros días fará parada tamén na Compostela e na Peixería. O resto da programación de ‘Vilagarcía, Cidade do Libro’ tamén continúa, aínda que con varios actos aprazados por mor do mal tempo.