O Hospital do Salnés reduce as súas listas de espera

    hospital_salnes100.jpgVILAGARCÍA> Os pacientes con patoloxías máis graves esperan unha media de 8 días pola súa intervención cirúrxica no Hospital do Salnés.

    Segundo os últimos datos feitos públicos polo Sergas, a data de hoxe o Hospital do Salnés acada unha demora media de atención a pacientes con prioridade 1 en lista de espera cirúrxica de 8 días, cumprindo así o obxectivo de 30 días marcado pola Conselleria de Sanidade.

    A estratexia do centro sanitario arousán centrouse nos últimos meses en intervir as patoloxías máis graves, con compromiso ou con afectación á calidade de vida futura dos pacientes. Estes datos fan referencia ás patoloxías de tipo oncolóxico, cardíaco ou neurolóxico, entre outras. O novo tempo medio de espera para o resto das intervencións cirurxicas no Hospital do Salnés é de 62 días, cando en xaneiro se atopaba nos 70 días.

    Ademais, no Hospital do Salnés aseguran non ter ningún paciente en espera de intervención de máis de 180 días. En canto ás citas para consultas, a demora media é de 32 días, por debaixo da media autonómica.

    A Consellería de Sanidade asinou este ano coa Xerencia do hospital arousán un acordo para manter durante 2010 unha media nacional de rendemento cirúrxico do 75 por cento. Na actualidade, o rendemento cirúrxico no Hospital do Salnés xa é do 79 por cento.

    Redacción Salnés