Céltiga e Vilalonga continúan a complicarse a permanencia

futbol250_190410.jpgSALNÉS> Ambos equipos caeron na casa con contundencia. Os de Gabi Leis precisan gañar un dos dous partidos que lle quedan. Na Illa deberían vencer nos tres que lle restan.

Esta non foi unha boa xornada para os equipos do Salnés que militan na Terceira. Vilalonga e Céltiga perderon ambos na casa.

Os da Illa fronte ó Vilalbés, por 0-2. Dominaron no xogo pero con apenas ocasións de gol ante un rival que aproveitou as poucas que tivo, a primeira por mediación de Nico, ó cuarto de hora, e xa na segunda metade sería Iván González o que faría o segundo.

Mentres en San Pedro, o Vilalonga volveu a caer desta volta ante o Alondras, por 0-3. As numerosas baixas dos celestes volveron a ser o principal motivo da derrota que comezou a fraguarse ós quince segundos, cando Santi Domínguez fixo o 0-1. Logo, Mauro e Andrés redondearían o 0-3 final.

Así as cousas, na xeral a situación complícase para ambos: o Céltiga está fóra dos postos de descenso directo pero a cinco da salvación real propiciada pola cascada de 2ªB. Quédanlle tres partidos ante Somozas, Ordes e Pontevedra B e debería gañalos todos para ter opcións.

O Vilalonga con 40 puntos, debería gañar un dos dous que lle quedan para non complicarse máis a vida. A semana que ven visitan ó Pontevedra B e na última reciben ó Santa Comba, dous rivais directos.

VICTORIAS DE SANXENXO E CAMBADOS NA PREFERENTE SUR

Na Preferente Sur, ademais do derbi de Baltar, destacaron as victorias de Sanxenxo e Cambados. Os de Calucho desfixéronse sen problemas do Gran Peña ó que se impuxeron por 3-1, con tantos de Diego Blanco e Minso, por partida dobre. Quédanse a seis puntos do ascenso con quince por xogarse.

O Cambados chegou onte ós 45 puntos polo que deu un paso case que definitivo de cara á permanencia. Venceron na casa ó Barbadás por 2-0, amosando unha gran superioridade e matando o encontro cos goles de Javi Sánchez e Álex Cubas nos primeiros minutos do segundo tempo.

O que non puido gañar foi o Ribadumia que perdeu ante o líder Choco por 3-0, pese a que os locais tiveron que afrontar 50 minutos de xogo cun home menos pola expulsión do porteiro Isma. O Ribadumia continúa na zona baixa da táboa á espera de poder gañar outro encontro e confirmar a súa permanencia.

Redacción Salnés