Os socios do Liceo votan continuar co proxecto do porto deportivo

    saavedra100.jpgVILAGARCÍA> A nova directiva do Liceo de Vilagarcía defenderá a capa e espada a obra do porto deportivo.

    O venres pola noite celebrouse unha tensa asemblea na que a maioría dos socios acordaron continuar cun proxecto que o propio Luís Saavedra cualificou sempre de faraónico. Ségueo pensando, pero á vista do que pode perder a entidade se prescinde desta obra, o novo presidente cambiou de opinión. As perdas serían a 800 mil euros se o Porto lles devolve os avais anticipados, pero se non, ascendería a un millón 360 mil euros. Unhas cantidades que, segundo Saavedra, deixarían á sociedade en completa ruína.

    O presidente indicou que xa se puxeron a traballar para por en marcha as obras nas dársenas 2 e 3 do porto. Só a primeira fase precisa de 1,3 millóns de euros. A entidade espera cubrilos co xustiprezo da finca da Boulla polas expropiacións das obras do tren de alta velocidade, e tamén co ingreso do edificio de Ravella.

    Para a segunda fase, a nova directiva confía na sorte. A intención é ter instalados algúns pantaláns este mesmo verán para que empece a dar rendementos económicos. Ademais impulsarán un plan para captar máis socios. Para empezar, na asemblea do venres aprobouse a supresión da cota de entrada para os novos socios que se inscriban antes de culminarse o porto deportivo.

    Redacción Salnés