![]()
SANXENXO> O Concello de Sanxenxo iniciou esta mañá a demolición parcial do edificio Boavista, situado en Portonovo, …
… tras obter a confirmación do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que tamén autorizou o desaloxo dos ocupantes do inmoble.
Esta mañá atopábanse no seu interior os propietarios e máis media ducia de inquilinos. Estes abandonaron voluntariamente o inmoble, non así o propietario que finalmente foi detido pola Policía Local de Sanxenxo.
Ó mesmo tempo, a súa muller e mailo avogado presentaban unha denuncia contra o Concello por invadir a súa propiedade. Ademais, mañá insistirán ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia porque consideran que o derribo que pretende facer o Concello é ilegal, polo que esixen que se paralice a actuación. Os propietarios queren que o Concello se cinga ó derribo autorizado no seu día polo anterior alcalde Telmo Martín e a xerente de Urbanismo de entón, Encarnación Rivas. Esa actuación ascendería a un gasto de case 95 mil euros, cando o goberno actual o cifra en 150.000 euros.
O edificio Boavista ten sete alturas, levantouse en 1984 con licenza para dúas vivendas parellas de dúas alturas. Deste xeito, o Concello considera que 1.079 metros cadrados da súa superficie son ilegais, posto que a licenza era só para edificar 897 metros cadrados. Tras 26 anos de litixios, agora o goberno local pretende restituír a legalidade urbanística. Os traballos do derribo durarán unhas tres semanas e ó seu remate, só debe permanecer en pé o soto, a entreplanta e o piso.
Redacción Salnés










