A esquerda cambadesa, en ‘período de reflexión’ sobre a continuidade de Abal no goberno local

CAMBADOS> Crise no cuadripartito de Cambados. PSOE, Somos e BNG abriron un período de reflexión para valorar a continuidade de Cambados Pode no executivo. O alcalde non descarta o cese de José Ramón Abal, logo de que no último pleno votase co PP contra a modificación da RPT. O líder de Pode deulle plantón logo ao resto dos grupos de goberno nunha reunión convocada para pedirlle explicación e tampouco asistiu á última xunta de goberno. Samuel Lago apunta que o concello segue funcionando con normalidade. Con todo, non descarta incluso que Abal poida acabar apoiando unha hipotética moción de censura impulsada polo PP.

As augas baixan revoltas no cuadripartito de Cambados. No centro da crise, de novo, o líder de Cambados Pode. No último pleno, José Ramón Abal votou co PP contra a modificación da RPT.

O seguinte capítulo da crise foi cando se convocou unha reunión á que estaban chamados os catro grupos do goberno para pedirlle explicacións polo que acontecera no pleno. Abal non se presentou.

Así que sen ter ocasión aínda para escoitar os argumentos de Abal, PSOE, Somos e BNG abriron un período de reflexión para valorar a súa continuidade no executivo.

O alcalde tamén aproveita para cargar contra o PP e o seu cambio de actitude con respecto a José Ramón Abal.

Samuel Lago non descarta incluso que o líder de Cambados Pode acabe apoiando unha hipotética moción de censura.

E conclúe Lago que, malia a crise no goberno, o concello segue funcionando con total normalidade, con obras en marcha -como a cuberta do Pombal- e con toda a programación cultural e deportiva en marcha, coa vista posta ademais na organización da Festa do Albariño.