A Deputación promove un plan pioneiro de apoio ó comercio

    presentacionplancomercio_280410.jpgPORTO DO SON> A Deputación presentou o plan para a dinamización do comercio local nas comarcas do Barbanza, Sar e Muros-Noia.

    {flowplayer}barbanza/plancomercio.flv{/flowplayer}

    A Casa da Cultura de Porto do Son foi o escenario elixido pola Deputación da Coruña para o acto de presentación do seu plan director para a potenciación do comercio local nas comarcas do Barbanza, Sar e Muros-Noia, executable entre os anos 2010 e 2013, período no que o organismo provincial pretende investir máis de tres millóns de euros.

    Foi precisamente a deputada provincial, Rosana Pérez, a encargada de facer unha pequena descrición do plan, que segundo ela pretende ser un ambicioso proxecto cun carácter innovador, ó ser a primeira vez que se realiza un programa estratéxico destas características para a mellora e a promoción do tecido comercial nunha área comprendida por un total de doce concellos cunha poboación estimada de máis de 130 mil habitantes.

    Para Rosana Pérez, o programa ten entre outros obxectivos a promoción e o equilibrio territorial na oferta comercial, a potenciación dos núcleos urbanos como centros comerciais, a mellora da xestión empresarial e a introdución das tecnoloxías da información.

    Esforzo inversor

    Na súa intervención o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, sinalou que o proxecto supón un importante esforzo inversor para o organismo provincial que pretende consolidar un sector comercial moderno e competitivo no territorio de aplicación do programa, e contribuír así á dinamización desta actividade.

    Aínda así segundo el o éxito do programa non depende única e exclusivamente da Deputación.

    Mesa redonda

    Unha vez rematada a presentación do plan, celebrouse unha mesa redonda sobre a situación e perspectivas do comercio local no contexto actual, que contou coa participación da técnica de Comercio da Deputación de Barcelona, Angels Lasheras, e das xerentes da Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo, Mar Lorenzo, e da Asociación de Empresarios de Ribeira e do Centro Comercial Aberto Viamare, Ruth Taladriz.

    Redacción Barbanza