MUROS> O concello de Muros segue a avanzar na mellora da rede de saneamento co inicio das obras de reposición de infraestruturas hidrálucas no Camiño Real. Esta actuación dá continuidade ás reformas xa acometidas na contorna do río Valdexería.
Concluídas as obras do saneamento nunha das marxes do río Valdexería, o concello de Muros vén de iniciar unha intervención similar no Camiño Real co fin de sanear por completo o esteiro do río que desemboca na praia da Virxe do Camiño.
Ademais da reposición das infraestruturas de saneamento que se atopan deterioradas, procederase á recondución das augas pluviais que provocan frecuentes problemas de asolagamento así como a posterior pavimentación da rúa.