CAMBADOS> As Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia levaron a súa maxia a pasada fin de semana a Cambados. A súa, e a do mago Dani Polo. A proposta do Consello Regulador destes destilados para as súas xornada de degustación e maridaxe encheu o salón José Peña.
Na primeira parte da xornada, a cata comentada e dirixida pola enóloga Sonia Otero combinouse cos trucos do ilusionista. Despois, os asistentes coñeceron de primeira man o papel que poden xogar estes destilados de calidade na cociña e a coctalería.
E mentres na sala principal do Salón José Peña desenvolvíanse todas estas actividades, nun espazo anexo o Consello Regulador das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia poñía a disposición un túnel con moitos dos seus destilados. Por primeira vez, este ano as botellas estiveron acompañadas das súas fichas de cata.
Con esta iniciativa, o Consello Regulador das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia quere poñer o foco sobre a importancia de consumir este tipo de destilados; produtos todos eles con selo de calidade.