Morillo, Franco e Rodríguez gañan o Trofeo Caixa Galicia

laser250_190510.jpgSANXENXO> Durante estes días celebráronse en augas da Ría de Pontevedra os Campionatos Galegos de clase Laser e de Windsurf. Os maiores especilistas destas modalidades déronse cita nesta proba organizada polo Real Club Náutico de Sanxenxo.

A ponte das Letras Galegas trouxo a Sanxenxo os campìonatos autonómicos de Clase Laser e Windsurf. Despois de tres xornadas, o regatista do Real Club de Mar de Aguete, Mario Morillo, proclamouse campión galego de Láser Standard, con 10 puntos. Tívoo que pelexar e moito ante Javier Echávarri, que rematou segundo con 12. Completou o podium Mario Ingliterra, do Marítimo de Canido, que finalizou lonxe dos dous primeiros con 22 puntos.

En Láser Radial non houbo demasiadas sorpresas e a victoria foi a parar a mans dun dos favoritos, Álvaro Franco, tamén do Club Marítimo de Canido, que sumou un total de 8 puntos. Pablo Martínez, do Náutico da Coruña, seguiulle na clasificación xeral final con 13 puntos mentres que o bronce recaeu en Juan Pedro Martínez, do Náutico Rodeira de Cangas.

Na categoría inferior dos láser, o 4.7, o ouro quedouse en posesión do regatista do Náutico da Coruña, Alejandro Rodríguez, que sumou 16 puntos. Favoreceulle a normativa de desempte existente xa que o segundo, Iago Blanco, do Canido sumou tamén 16. Terceiro finalizou o seu compañeiro de equipo Miguel Lence, máis alonxado na xeral.

No referente ó Windsurf, prevaleceron os resultados obtidos na segunda xornada, xa que o último día as condicións de vento impediron a saída ó mar dos participantes. Así as cousas, Fran Robleda, do Ensenada de Liméns, proclamouse campión galego en Experience. O Náutico de Cangas adxudicouse dous títulos: os de Marcos Fernández en Fórmula e o de Roberto Doncel en Techno 5 metros. En Techno 7,8 Metros o Trofeo Caixa Galicia foi para Tomás Vieito, mentres que Luís Mira adxudicouse o título na especialidade Race Board.

Redacción Salnés