O subdelegado do Goberno supervisa o inicio das obras do centro de día

    catoira_100.jpgCATOIRA> O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Delfín Fernández, e mailo alcalde Alberto García supervisaron hoxe o inicio das obras do centro de día.

    O centro de día ocupa un espazo de case 1.600 metros cadrados que permite albergar tódalas súas dependencias na planta baixa do edificio multiusos. Sitúase nun lugar céntrico, a carón do río Catoira. Segundo o Concello, a integración do centro de día no Edificio Multiusos ofrécelles ós maiores a oportunidade de acceder, sen ter que desprazarse, a unha ampla oferta de recursos e actividades formativas, culturais e lúdicas.

    Este centro de día contará con consulta e salas de curas, de rehabilitación e fisioterapia, de terapia ocupacional, e sala polivalente. Tamén terá cociña, comedor e cafetería, cuarto de descanso, despachos e sala de reunións, ademais de lavandería, cuartos destinados a limpeza e almacén, e aseos adaptados para persoas con mobilidade reducida. Na entrada disporá dun amplo corredor que realiza funcións de distribuidor e sala de espera. Este proxecto conta cun orzamento de 200.000 euros, financiados a través do Fondo Estatal de Investimento Local.

    O subdelegado do goberno e o alcalde tamén se achegaron á Finca do Prado, onde se plantaron catro carballos duns 30 anos de antigüidade. A actuación forma parte dun proxecto que permitirá mellorar a calidade paisaxística e urbanística deste parque, que rodea o edificio multiusos. Neste entorno estanse a investir 119.850,98 euros do Plan E.

    Redacción Salnés