Educación dotará a 1.700 alumnos de ordenadores ultraportátiles

    abalar100.jpgPONTEVEDRA> Case 1.700 alumnos de 35 centros da provincia de Pontevedra terán en setembro cadanseu ordenador ultraportátil na aula, …

    … grazas á implantación do Proxecto ABALAR da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. O investimento previsto na provincia será de 1,3 millóns de euros en equipamento informático, infraestruturas e formación do profesorado.

    O delegado territorial de Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, presentou hoxe o Plan ABALAR, acompañado polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira Lema. Os representantes da Consellería de Educación tamén mantiveron hoxe unha reunión cos directores dos 35 centros que participan nesta primeira fase do proxecto.

    Os primeiros en beneficiarse serán os colexios e institutos da zona. Así, os alumnos e alumnas de 5º de Primaria e 1º da ESO, disporán de cadanseu ordenador ultraportátil. Ademais, o proxecto dotará ás aulas de encerado dixital e ordenador de sobremesa para o profesorado. A estratexia de implantación das TIC no sistema educativo, a través do Proxecto ABALAR, vai supor a conversión de colexios e institutos en Centros Educativos Dixitais, o que redundará nun cambio do modelo ensino-aprendizaxe.

    PORTAL WEB 

    O proxecto disporá dun portal web propio, ‘espazoABALAR’. Nel, as familias poderán facer un seguimento académico dos seus fillos, grazas a un procedemento de comunicación directa e multicanle cos profesores e titores.

    Por outra banda, o espazo destinado aos docentes na plataforma web de ABALAR facilitará a parte administrativa do seu traballo, simplificando procesos como a introdución de datos nos expedientes do alumnado, abrindo novas canles de comunicación cos alumnos, as familias, a dirección do centro e o resto do profesorado.

    No tocante ao alumnado, ‘espazoABALAR’ permitirá nun futuro novos mecanismos para traballar con estudantes que requiran unha atención especial e diferenciada. Deste xeito, posibilitará a educación a distancia, facilitando o acceso ao ensino a enfermos de longa duración hospitalizados ou nas súas vivendas, persoas con mobilidade reducida, e estudantes con necesidades específicas. Ademais, permitirá un amplo seguimento académico, e a interacción co profesor ou a dirección do seu centro, o que se traduce nun claro fomento da actitude colaborativa.

    No período 2010- 2013 está previsto que se beneficien da modernización do ensino uns 87.000 alumnos de 1.000 centros educativos de toda Galicia, ademais de 15.000 docentes, que recibirán formación específica para o uso das TIC na súa práctica diaria.

    Redacción Salnés