SALNÉS> Esta fin de semana remata o liga na Preferente. Pouco hai en xogo xa. Tan só saber qué equipo acompañará ó Portonovo no seu camiño á Terceira, se Choco ou Estradense. Por abaixo, o Cambados e o Ribadumia teñen que puntuar para evitar problemas co descenso propiciados polo efecto cascada.
Derradeira xornada ligueira na Preferente. Horarios unificados para o domingo ás 18:00cando se comezará a poñer punto e final á temporada.
Pouco queda por decidir. Por arriba o Portonovo, ascendido a semana pasada, adicaralle o éxito á afección cunha auténtica festa na que participarán os rapaces da canteira, un grupo de baile rexional e parte dos integrantes do equipo que acadou o ascenso á Terceira na anterior etapa. Ademais, Óscar Guimeráns será recoñecido co premio ó xogador máis regular. O día será de portas abertas e o convidado de excepción o Caselas, que acude a Baltar tratando de evitar o descenso directo.
Para Cambados e Ribadumia esta derradeira xornada cobra unha importancia maior despois da reacción do Marín. A cascada dende 2ªB e Terceira provocaría a día de hoxe seis descensos na Preferente Sur. E a esa sexta praza pola cola poden optar Cambados e Ribadumia se gaña o Marín e eles non puntúan este domingo. Iso, e que ademais no ascenda ningún galego á 2ªB. Aínda que as probabilidades son mínimas ambos conxuntos queren facer os deberes.
Os de Carregal agardan que o Sanxenxo non lles poña as cousas moi complicadas no Revel, xa que os de Calucho pouco se xogan. No derradeiro derbi da temporada non poderán actuar por parte local José Angel e pola visitante Dani Abal.
Mentres, na Senra o Ribadumia recibirá ó pechacancelas Covadonga, descendido dende hai semanas. Iago e Arias perderanse o partido por ter cumprido ciclo de amonestacións.
No Arousa, Suso será o que se perda a cita ante o Choco. Os vilagarciáns serán xuíces desta liga, non en van os de Redondela acuden ó choque xogándose o ascenso. Teñen un punto máis que o Estradense, lideraron a táboa durante máis xornadas que ninguén e por iso non queren perder esta oportunidade no último momento. O Arousa, xa non se xoga nada máis alá de tentar rematar no cuarto posto da xeral.
Redacción Salnés