A Ruta do Viño Rías Baixas fará unha auditoría entre os socios

    ruta_vino100.jpgCAMBADOS> A asociación Ruta do Viño Rías Baixas iniciará unha auditoría entre os seus socios para renovar o certificado da Ruta do Viño de España.

    A Asociación Ruta dos viños Rías Baixas estreou nova xerencia, coa incorporación de Ramón Burdeos, contratado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Foi durante a Asemblea Xeral de Socios, que se celebrou onte á tarde no Centro Comarcal do Salnés, en Cambados.

    Na xuntanza deuse conta do arranque dunha exhaustiva auditoría para certificar que cada membro cumpre cos requisitos de calidade esixidos para formar parte da Ruta. Estas visitas individualizadas, que se desenvolverán no verán, servirán para renovar a certificación desta Ruta de Rías Baixas para que siga integrada na Ruta do Viño de España. Unha plataforma á que pertence desde o ano 2005.

    A incorporación desta nova xerencia materializa o traspaso da Asociación desde a Fundación Comarcal do Salnés. Segundo indicou o presidente José Ramón Meiriño, isto servirá como ferramenta de proxección dos viños da denominación de orixe Rías Baixas, e para o crecemento, diversificación e desestacionalización do sector turístico neste territorio.

    A Asociación Ruta do Viño Rías Baixas está integrada por un centenar de socios, así como por representantes das diferentes entidades, públicas e privadas, encargadas da planificación e xestión desta iniciativa de enoturismo. Constituído en 1996 é o único itinerario galego incluído dentro da Ruta do Viño de España, unha plataforma que lle permite fomentar a súa promoción a nivel nacional e internacional.

    Redacción Salnés