Fole reclama explicacións sobre a falta de limpeza nas festas

    fole_por_limpeza100.jpgVILAGARCÍA> Á Concellería de Limpeza de Vilagarcía de Arousa, estanlle a dar por todos os lados. Se durante a fin de semana e ata o luns, …

    … estiveron a queixarse os veciños, agora é o PP quen considera inaceptable a mala xestión do servizo durante as festas.

    Tomás Fole, portavoz dos populares, asegura que a falta de limpeza na praia, pon de manifesto a incapacidade do goberno local para anticiparse, planificar e adecuar os servizos municipais ás necesidades da poboación, en situacións nas que se rexistra un incremento substancial de visitantes e aumenta proporcionalmente a cantidade de residuos xerados.

    Dende o PP cualifican de lamentable o espectáculo ofrecido aos miles de visitantes neses días e considérao máis grave aínda, tendo en conta que incidencias semellantes sucederon nas festas de San Roque e, segundo os populares, repítense unha e outra vez. O PP vilagarcián incide en que debe garantirse coa planificación do servizo de limpeza, o uso de todas as zonas urbanas e das praias, tanto para o ocio diúrno coma o nocturno, como zonas de baño e de ocio familiar.

    Ante estes feitos, o Grupo Municipal Popular entende que alguén debería asumir responsabilidades e que o goberno está obrigado a dar explicacións á opinión pública, de para qué serviron os catrocentos mil euros aprobados para a mellora do servizo que ofrece a Concellería de Limpeza.

    Redacción Salnés