O PSOE pide ó goberno local que se baixe os soldos un 15%

    pontecesures100.jpgPONTECESURES> O PSOE insta ó goberno municipal a reducir as retribucións da corporación nun 15 %, mentres que o edil non adscrito proporá un 6%.

    O PSOE cre que a alcaldesa Maribel Castro e mailo edil de Urbanismo Rafael Randulfe se deben rebaixar o soldo que perciben por dedicación exclusiva, do mesmo xeito que terán que facer os funcionarios a partir do mes de xuño.

    Os socialistas apelan á responsabilidade de tódolos grupos municipais para que apoien esta iniciativa, que se aplicaría ós soldos da rexedora, de Randulfe e tamén ás retribucióins de tódolos membros da corporación por asistencia a plenos, e comisións.

    A resposta do equipo de goberno non se fixo esperar. O edil de Relacións Institucionais Luís Ángel Sabariz, indicou que levará a pleno unha proposta baseada nas recomendacións da FEMP. Segundo estas, para as retribucións de entre 27 mil e 41 mil euros anuais, aconséllase unha baixada orientativa do seis por cento. Sabariz indica que a alcaldesa cobra ó ano uns 34 mil euros brutos, e que o edil Rafael Randulfe percibe algo máis de 28 mil euros. Polo tanto, proporá unha rebaixa do 6 por cento.

    En canto ás indemnizacións por asistencia a sesións, o edil non adscrito explica que desde hai máis de 10 anos, en Pontecesures, os concelleiros que non teñen dedicación exclusiva cobran uns 24 euros por pleno, xunta de goberno ou comisión informativa. Neste caso, Sabariz di que proporá baixar o importe a 20 euros, cun recorte superior ó 15 por cento.

    Redacción Salnés