O Santa Rita decide os seus vencedores este domingo

tenis250_280510.jpgVILAGARCÍA> Esta fin de semana producirase o desenlace  do XXII Torneo de Santa Rita  de tenis. Desde as catro desta tarde ata o domingo polo mañá as pistas do Rial acollen as roldas finais, ás que chegan os máximos favoritos ó título.

Despois de todo un mes de maio de competición, fin de semana tras fin de semana, nesta resólvese o Torneo de Santa Rita. Segundo o horario marcado pola organización, os seis gañadores desta edición número 22, coñeceranse o domingo ó mediodía.

Serán seis os gañadores porque hai seis cadros: tres masculinos e outros tantos femeninos para as categorías alevín, infantil e cadete. En total máis de 300 tenistas chegados dende os clubes máis importantes de Galicia que coverteron as instalacións do Rial no foco de atención deste deporte durante as últimas datas. O torneo pertence ó Circuito Galego Babolat, polo que é puntuable para o ranking autonómico e iso faino máis apetecible para tódolos xogadores.

No estrictamente deportivo, os cadros avanzaron xa dende as roldas previas ata as fases finais. Agora mesmo a maioría das categorías atópanse nos oitavos de final, encontros que se disputan hoxe. Para mañá quedarán a antepenúltima e penúltima rolda e na matinal do domingo xogaranse as seis finais.

Ata o momento os favoritos non están a fallar. Os cabezas de serie mantéñense con paso firme, casos de Andrea Calviño, Sara Andrade, Pedro Ecenarro ou Eladio Fábregas. Tamén continúa en competición , o primeiro preclasificado en alevín, Andrés Justo Argibay. Tras ter levantado un encontro moi complicado en primeira rolda fronte a Tomás Currás, o xoven xogador xa agarda rival nas semifinais.

Redacción Salnés