![]()
BOIRO> A Garda Civil está a investigar o incendio dunha planeadora acontecido de madrugada no lugar de Fontecoba, en Boiro. A embarcación, que se atopaba na porta da vivenda do propietario, quedou totalmente calcinada.
Ó redor das dúas da mañá, o propietario da embarcación daba aviso á policía local e os bombeiros. A pesar da rápida intervención dos efectivos que se desprazaron ata o lugar de Fontecoba, as lapas afectaron por completo á planeadora que quedou practicamente calcinada.
Aínda así, evitaron que o lume afectara a varios camións que se atopaban estacionados tamén ás portas da vivenda, posto que o propietario da embarcación dedícase ó transporte de peixe.
A pesar do aparatoso do incendio foron poucos os veciños da zona que se percataron do suceso. Pola mañá sorprendíanse ó ver o estado en que quedou a embarcación, de seis metros de eslora e dous motores, e especulaban sobre as posibles causas do lume.
Especulacións
Mentres a Garda Civil investiga si se tratou dun accidente, causado por un curtocircuíto, ou pola contra puido ser intencionado, algúns dos veciños sospeitan que o suceso pode estar relacionado cun axuste de contas.
Redacción Barbanza









