Catro equipos do Salnés acuden á fase final da Copa do Futuro

futuro250_080610.jpgSALNÉS> Vinte equipos loitarán polo título da Copa do Futuro 2010. Vigo será o escenario da fase final dunha competición que reuníu a máis de 1.300 rapaces. Varios equipos do Salnés acuden á competición logo de acadar o seu pase nas roldas clasificatorias.

Despois de mes e medio de competición a Copa do Futuro chega ó seu fin. Será coa disputa da fase final, no campo da Bouza, en Vigo onde chegarán os equipos que acadaron o seu pase nas roldas clasificatorias de Gondomar, Ribadumia, Ponteareas, Cangas, Tui e Soutomaior.

En total vinte conxuntos, os tres pirmeiros de cada sede e os dous mellores cuartos. Entre eles catro equipos do Salnés que tentarán traerse o título a casa: o Escola de Futbol Base de Vilanova, Arousa, Céltiga e Umia.

Onte levouse a cabo o sorteo dos grupos dos sairán os cuartofinalistas: no amarelo estarán Umia e Céltiga xunto a Balaídos, Val Miñor e Escola de Gondomar.

Arousa e Vilanova estarán no verde xunto a Coruxo, Teis e Lérez. No resto dos grupos non haberá representantes da comarca: no azul quedaron encadrados Alondras, Rápido Bahía, Tide, Cristo Victoria e Mercantil, mentres que no vermello loitarán pola súa clasificación Atlético Matamá, Cruceiro, Coia, Marcón Atlético e Victoria.

Con esta fase final da Bouza, en Vigo porase o peche á cuarta edición dunha Copa do Futuro que medra ano a ano. O torneo, impulsado dende a Deputación de Pontevedra,  aposta pola promoción entre os rapaces dos valores do deporte, como a igualdade, a solidariedade ou o compañeirismo.

Redacción Salnés