1.500 escolares participan en Noia nas clasificatorias de cross do programa Xogade

NOIA> O estadio de San Lázaro foi esta mañá un formigueiro de rapaces que asistían á unha das clasificatorias provinciais do campionato de cross, enmarcado no programa Xogade da Xunta en idade escolar.

Eran preto de 1.500 rapaces chegados dende diferentes centros educativos de Noia, Porto do Son, Muros, Outes, Brión e Lousame.

As categorías participantes, tanto masculinas como femininas, ían dende alevín a cadete, pasando tamén por benxamín e infantil.

Á actividade asistiu o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, quen destacou a importancia de apostar polo deporte base, para inculcar, dende idades temperás, a necesidade de levar unha vida activa e saudable.

Segundo explicou o propio Conselleiro prevese que a actual temporada 2024-2025 manteña ou incluso poida superar as cifras da última convocatoria do Xogade, na que se contabilizou unha participación de preto dos 148 mil escolares de idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos.