Os Ingleses retoma o traballo con moitas caras novas

VILAGARCÍA> Esta semana botou a andar o club de rugbi Os Ingleses. Os vilagarciáns volverán a participar un ano máis na Primeira Nacional, co obxectivo de ascender de categoría. O día 3 de setembro afrontarán o primeiro encontro de pretemporada ante o Mareantes de Pontevedra.

O primeiro equipo de Os Ingleses voltou ó traballo esta semana despois do parón estival. Tras acadar o título en 2009 e rematar terceiro nas últimas dúas temporadas, o conxunto vilagarcián volverá a batirse en Primeira Nacional. O obxectivo non será outro que meterse entre os dous primeiros para así optar ó ascenso á División de Honra B.

Nesa loita terá que verse as caras ante outros clásicos da categoría como o CRAT Coruña, claro favorito ó título. Outros dos seus rivais serán Os Belenos de Avilés, o Universidade de Oviedo e o Lalín. Ademais, debutarán na categoría o Calzada de Xixón e o Lobos de Segovia. Polo tanto, a falta de confirmar a última praza aínda vacante, o grupo estará conformado por tres equipos galegos, tres asturianos e un castelán-leonés.

O plantel sufríu varias modificacións. Incorpóranse Guzmán ‘Uru’, procedente do Mareantes, Seoane, do Universidade de Santiago e o coreano Hyun Suk Oh, que o ano pasado formou parte do Gallaecius de Santiago. O club foi quen de reter a un xogador importante como ‘Bosnio’, que rexeitou ofertas de equipos de categorías superiores.

Os xuvenís Morris, Tiago, Comendador, Elías, Benito e Rubén, pasarán este ano a formar parte do primeiro equipo. Pola contra, Chami e Suso causarán baixa esta temporada na que David Losada volverá a exercer de adestrador.

Os Ingleses afrontará o seu primeiro partido ligueiro o 15 de outubro, día no que recibirán en Fontecarmoa ó Universidade de Oviedo. Antes, preparán ese cita con varios amistosos, o primeiro deles o 3 de setembro ante o Mareantes de Pontevedra. Tamén serán rivais seus de pretemporada o Ourense, o Zalaeta e o Santiago.

Redacción Salnés