![]()
SALNÉS> A temporada de traiñas arranca mañá no Grove coa presentación da liga e coa disputa da Bandeira Deputación de Pontevedra, que non é puntuable. Será unha primeira toma de contacto porque a que vale de verdade é a do domingo pola mañá, a regata de Ares.
Se o ano pasado foi en Vilagarcía, neste 2010 será no Grove dende onde se dé o pistoletazo de saída á temporada de traíñas. A partires das 12:00 os 17 clubes participantes na Liga Galega daranse cita na praza do Corgo para a posta de longo da competición.
Unha presentación que ven precedida de certa polémica posto que por rotación tocáballe acollela á zona norte, de feito pensouse en facela en Ferrol ou Santiago, pero a disputa pola tarde da Bandeira Deputación de Pontevedra ,en Porto Meloxo, trasladou o evento ata a vila meca.
A proba de mañá non será puntuable para a liga pero sí a do domingo pola mañá, que se disputa en Ares. Por iso agradase que as traíñas reserven forzas para a primeira regata valedeira.
Os clubes do Salnés tentarán repetir o papel destacado que tiveron o pasado ano. Mecos rematou a liga terceira empatada a puntos con Chapela, despois de facer unha temporada de menos a máis que lles levou á victoria en catro bandeiras, tres delas nun tramo final memorable. Repetilo será complicado, pero os de Rons parten entre o grupo de favoritos.
Os seus veciños e rivais de Amegrove tentarán estar tamén cos de arriba, logo dunha temporada, a pasada, marcada pola polémica descalificación na primeira regata. Leváronse unha bandeira polo que quererán superar esa rexistro.
Con menos ansias de estar entre os mellores preséntase Vilaxoán, que no 2009 foi séptima. O club vilagarcián continúa a centrar os seus esforzos no coidado da canteira se ben non descartan sorprender ás favoritas nalgunha ocasión.
Pase o que pase mañá e o domingo, a temporada é moi longa e non se poderán sacar conclusións ata algo máis avanzada a competición. Serán 18 regatas e dúas delas disputaranse no Salnés: o 18 de xullo, a Bandeira Concello do Grove, e o 29 de agosto, a do Concello de Vilagarcía, coa que se porá o peche á liga.
Redacción Salnés








